12/05/11

CORINA"PILLADA" COPIANDO NA CLASE

XO R N A L D E G A L I C I A (martes, 10 de maio de 2011):
“Vigo será referencia na celebración de grandes eventos culturais”:CORINA PORRO(PP) :“A xestión cultural é unha cuestión dos axentes públicos e privados; traballaremos a súa coordinación. Potenciaremos a rede de bibliotecas, reordenaremos as coleccións dos museos municipais, protexeremos o patrimonio histórico-artístico e apoiaremos as producións cidadás. Vigo será referencia na celebración de grandes eventos”.
A miña capacidade de conter a risa vai decaendo a medida que a indignación medra. Na sección que O XORNAL titula "Se eu son alcalde/alcaldesa" veñen estas sesudas reflexións que son unha mala síntese do programa que hai catro anos tiña o BNG para o concello de Vigo, no apartado Cultura. Non debe ter mais que engadir, porque catro anos despois xa está feito.
A primeira  pregunta: Porque non o fixo cando xa  foi alcaldesa?.
A segunda: parécelle ben que a Deputación de Pontevedra(PP),e a Xunta(PP),gasten 225.000 euros para facer Festibaixas, dándolle os cartos a unha empresa de Madrid, xestionada polo simpatizante do PP,Sancho Gracia?. A responde ela mesma: a xestión cultural é unha cuestión dos axentes públicos(PP) e privados(PP), e traballaremos na súa coordenación(PP+PP=PP).
Algunhas"ideas" teñen coña porque fala da Rede de Bibliotecas que a actual concellería puxo en marcha coa primeira, sí, primeira, Biblioteca de Proximidade, a Biblioteca Xosé Neira Vilas no Calvario. Na época anterior, con Corina de alcaldesa, cero, nin o nome. Mais coña ten o de protexer o patrimonio histórico-artístico cos museos abandonados como o Pazo de Castrelos, con centos de obras escondidas, a agonía do Verbum, ou o Museo(fastasma)do Mar que pasou a Xunta. Coa mellor intención non vou falar do abandono do Vigo Histórico(Casco Vello e Bouzas), do xacemento do Castro ou do xacemento de Toralla, mentres sí reformaba o despacho do Areal.
A palabra "primeira-o", pódese utilizar moito, desde o 2007, para escarnio da cultura en Vigo.
Xa fixen algunha reflexión sobre o paso do Sr. López Chávez, pola concellería de Cultura do PP, cando a Sra. Porro foi alcaldesa. Lamentablemente podo facer un resumo rápido: Nin un só proxecto novo posto en marcha. Mantivéronse os proxectos anteriores e algúns como o Arquivo Pacheco, pechou. Nin un espazo público, auditorio, en condicións(Vigo, para vergonza propia e risa allea, única cidade ou vila galegas que non o tiña), o que levaba a que algúns programas de artes escénicas tiveran que facerse no Teatro Fraga(Caixagalicia), no Teatro García Barbón(Caixanova), e incluso no Auditorio do Conservatorio Martín Códax ou no Cine Salesianos. Ata as Asociacións Veciñais ou Culturais tiñan auditorios. O ALT  programábase na Casa das Artes.
As festas de Vigo(do Cristo como lles gostaba), eran 4 ou 5 concertos en Castrelos, dúas festas gastronómicas, e algún programa o aire libre de teatro para nenos. Convenios con bandas de música, corais e entidades folclóricas pechaban a política cultural.
Esta era ata hai catro anos a coordenación, potenciación, reordenación, protección, apoio e converter Vigo en referente, da que hoxe fala Corina Porro. O misterioso é porqué non o fixo, non existía a crise económica, pero sí a crise de ideas, proxectos e capacidade.
En contraposición, vou poñer feitos, non promesas, destes catro anos pasados:
-Reapertura do Arquivo Pacheco tanto ao público, como no seu funcionamento interno, dotando o Arquivo de persoal, e material. Compra do Arquivo Ksado.
-Reordenación e posta en marcha da Rede Museística, que non existía, e reactivación do Verbum que non tiña practicamente visitantes. Hoxe coas moitas actividades é un dos museos que mais medrou en número de visitantes.
-Xunto coa Concellería de Patrimonio Histórico( transversalidade), apertura da Pinacoteca na rúa Abeleira Menéndez, para mostrar os fondos de pintura que permanecían ocultos no Pazo de Castrelos que estaba en mal estado. Fixéronse tamén reformas no Pazo de Castrelos.
-Inicio das obras do Centro Galego de Fotografía:en construción, con orzamento, lugar e plán.
-Biblioteca de Proximidade Xosé Neira Vilas no Calvario: a primeira, funcionando(antes só a B.Central).Contemplada a segunda en Navia e outra en Bouzas(Casa do Patín) adquirida, e dúas en centros veciñais, porque empezou a funcionar a Rede de Bibliotecas.
-Reformas no Auditorio de Castrelos: en estado de ruína as gradas e o interior.
-Apertura dos xacementos arqueolóxicos do Castro e Toralla xunto coa concellería de Patrimonio Histórico.
-Auditorio Municipal de Vigo na Praza do Rei: primeiro espazo público(do concello) inaugurado no 2010, xa en funcionamento. Equipado para as artes escénicas, cine, etc.
-Posta en marcha da  primeira programación cultural estable e pública, VIGOCULTURA, de artes escénicas(teatro e danza), cine, música, conferencias, etc.(meses de abril-maio-xuño 2011:51 actividades). Anteriormente programaba Caixanova e o concello pagaba. O mecenazgo o revés. Houbo que recuperalo.
-Por primeira vez o concello, fai uso da sociedade coa Rede Galega de Teatros e Auditorios.O concello foi fundador pero nunca fixo uso da mesma. Cías. galegas e do Estado na programación desde o 2010 no Auditorio.
-Ademais de continuar os convenios coas bandas de música da cidade, corais e entidades folclóricas, poténciase con concertos mensuais no Auditorio a Orquestra 430- unha das mellores do país- de Vigo, coa idea de convertila en Orquestra Residente. Tamén crease un convenio co Coro Concento Vigo, axudando na súa creación, porque Vigo non tiña un coro de música coral culta. Hoxe é unha realidade.
-O concello faise cargo do Concurso Ibérico de Piano do R.C.Naútico, pasando a chamarse Concurso de Piano Ría de Vigo, co espíritu de amplialo e sexa patrimonio da cidade.
-Lévase a cabo o 1º concurso de Gaita Solista(en colaboración coa Federación de Centros Deportivos e Culturais).
-O Festiclown, o mellor festival de clowns do Estado, e un dos mellores de Europa, leva en Vigo dúas edicións, con mais de 150 actuacións por cada unha delas(nomes como Leo Bassi,Jango Edwars,Pepe Viyuela,etc).
-O concello patrocina totalmente a Semana de Teatro Afeccionado, da Federación de Centros Deportivos e Culturais, para darlle paso a catro cías. de teatro afeccionadas da cidade ao "Vigo a Escena", programa que medrou, sendo na actualidade 15 as cías. teatrais e de danza, da cidade que levan os seus espectáculos a 23 asociacións, cunha programación anual  de 75 actuacións, por vez primeira seleccionadas por concurso público. As cías. da cidade teñen tamen a oportunidade de estrear no Auditorio Municipal.(Antes... onde podían).
-Potenciación do ALT(Festival de Teatro Alternativo, a pesar do recorte da Agadic(Xunta) dun 50% do orzamento).
-Concertos no Pazo de Castrelos dos mellores grupos seleccionados polos Conservatorios da cidade para a súa promoción(tamén en colaboración con Patrimonio Histórico):12 semanas,12 concertos.
-Retirada, por fín,dos símbolos franquistas da Casa das Artes, e Monolito da Memoria no Calvario.
-Festas de Vigo: por moito que digan, non existían, mais alá de 4,5,ou 6 concertos en Castrelos e pouco mais.Convido a contrastar os programas. A falta de identidade ata en isto.Vigo converteuse en referente de grandes concertos, tamén no Ifevi, e non resisten ningunha comparación anterior, os nomes que nestes anos pasaron por alí. Concerto do Marisquiño no Auditorio de Castrelos. E ampliando, ata circo, en Castrelos, o Circo Acuático en Coia, e o Circo de los Horrores en Samil.
-Semana Grande: só existía para os bancarios. Da entelequia pasouse a realidade. Non había nin Pregón. Hoxe, ademais de Pregón hai cinco plazas con espectáculos simultaneos: A Praza da Constitución con actuacións variadas, a Praza da Estrela para grupos musicais da cidade, o Castrocativos para os nenos, con todo tipo de xogos e teatro diario, a Praza de Compostela para o folk, e na rúa Londres, cine. E un mercado de artesáns no barrio histórico.
De seguro, deixo cousas sen citar.
Quero supoñer que isto sí é a coordenación, a potenciación, a reordenación, a protección,o apoio e converter Vigo en referente. E pódese facer mais. Só é cuestión de ter ideas, traballalas e poñelas en práctica. Porque ademais de realizar actividades culturais e lúdicas para que os veciños de Vigo as disfruten, son formas de dar traballo, xerar emprego, turismo, dar vida ao pequeno e mediano comercio, dar vida a cidade e o barrio histórico. Os xornais, non eu, sinalaban o ano 2010 como, tamén por primeira vez, o turismo quedaba en Vigo, e non só polas praias, a ría e a paisaxe,que tamén.
O anterior é Industria Cultural e transversalidade(Para próximas copiadelas).
E non é cuestión de opinións senon de feitos, porque promesas predican moitos e poucos poden demostrar realidades, sobre todo quen xa tivo a ocasión e non as realizou.
Non sei se aprobará, pero polo de pronto imos ver se copiando aprendemos algo algo mais que a lista recitada (dos reis godos) da cultura.

10/05/11

O SILENCIO PERFUMADO DE CORINA PORRO

Que a candidata do PP, Corina Porro, non quera debater coas outras forzas políticas, non é unha sorpresa. Deixando á marxe o antidemocrático de privar os cidadáns da confrontación de ideas e proxectos, o que se quere esconder é a incapacidade  de expresar algo mais que slogáns políticos. O "pejiguero" argumento de debater con só unha forza política, porque existe un bipartito, dous partidos distintos pero cun programa común pactado, non se ten en pé. Debater hoxe do presente, do cumplimento dos programas das distintas forzas do goberno municipal, da transformación que hoxe é unha realidade desta cidade a deixaría nun moi mal lugar. Non tivo reparos por outra parte en acoller e pagar no Porto de Vigo, hai pouco tempo, a emisión por Intereconomía de "El gato al agua", unha cadena absolutamente panfletaria de dereita extrema, eso sí rodeada de "xente guapa" que é o que lle gusta.
Pero é que ademais neses frustrados debates non sabería nin podería defender as súas mensaxes publicitarias."Vota cambio, vota Corina","Somos un equipo, sabemos gobernar","Empleo es libertad","-Resignación,+Oportunidades+Empleo","Haremos que Vigo sea una ciudad atractiva para vivir, disfrutar y trabajar". Porque detrás destas mensaxes publicitarias, detrás de "lavalladecorina", só hai palabrería, moi  cara, polo que gasta na campaña, absolutamente falsa, e co galego esquecido.
 Non vou ir polo facil, que sería preguntar como alguén que non vive en Vigo, senón nun chalet noutro concello, diga "Vigo atractiva para vivir", bó exemplo para predicar, pero pode contar que fixo para rehabilitar o Barrio Histórico ou no resto da cidade. Nada, como nada fixeron os anteriores gobernos do PP. Deixala agonizar.
"Vota cambio": ou sexa votar pola mesma persoa que xa estivo ocupando a alcaldía da cidade, que repartíu moitas sonrisas perfumadas, pero que só deixou parterres de flores polo centro e a zona de Marqués de Valladares mal humanizada. Algo que hai anos combatía na Praza da Independencia, deixando como testamento unha moción para que volvera a pasar por ela o bus e apoiando manifestacións contra as peonalizacións. Hoxe fala, sen sonroxo, das"súas"humanizacións.
"Empleo es libertad","-Resignación,+Oportunidades+Empleo":Agardo que llo explique ao seu xefe, o Sr. Feijó09, que é quen ten as correspondentes transferencias en emprego, a pesar de que o negou, os miragres que propón para resolver o que 009 dixo resolvería en "45 días"(sic) xustos.
 Dous anos despois coa Xunta do PP esta é a realidade:Nos tres primeiros meses de 2011 o desemprego incrementouse en máis 23.000 persoas, até un total–EPA–de 226.000 parados/as. Desde que Feijóo9 goberna foron ao paro 63.800 galegos, 90 parados por día de goberno. A taxa de desemprego na xente nova xa é superior ao 31%. Desde marzo do 2009 destruíronse 87.000 empregos: 120 empregos menos por día de Feijóo9.Hai 69.400 fogares con todos os seus membros en paro e deses, en 22.700, non entra ningún ingreso>.
E non contento con isto Feijó09, presume de presidir "a comunidade pluriprovincial do réxime xeral con menos paro de España". O presidente dixo que "é difícil crear emprego cun Goberno interino" en España, e afirmou que as dúas cidades con máis paro son Vigo e Pontevedra, "gobernadas polo PSOE e o BNG". E decir o PP abdica da súa responsabilidade e a traspasa aos concellos, quenes non teñen competencias. Un anzol para lelos. Como os recortes da Xunta en Benestar Social, ou a gratuidade dos libros de texto, os comedores escolares, que obrigan ao concello a establecer programas para paliar o que é unha obriga do goberno autonómico. Claro que Corina non anda con "coñas" e dí que son "el partido de los trabajadores". Célebres son as súas fotos na cabeza das manifestacións contra o Acordo Económico Social, contra a rebaixa dos salarios, das pensións e a reforma das xubilacións.
O de "saber gobernar", debe levar unha apostilla..."para os seus amigos". Porque supoño que como o seu partido na Xunta repartirá 151 millóns de euros en contratos sen publicidade, ventaxoso sistema de adxudicación directa. Ou levada polo que chama "austeridad productiva", voltaría a redecorar o palacete do Areal, mais "chic", non o dubido.
Calquera diría que a estas alturas a Sra. Porro non é do PP. Pero o seu silencio sobre as políticas do seu partido, danlles todos os avais. Non a escoitei falar da "rexeneración democrática", tamén proposta polos dirixentes populares , e polo tanto non sei que pensará dos imputados na "Operación Orquesta", dos centos de familiares empregados na Deputación de Ourense, sobre as operacións de transfuguismo e mocións de censura en Mos, O Porriño, Gondomar, deseñadas polo seu amigo Louzán, desde a Deputación de Pontevedra.Tamén Feijó009 prometeu rematar non en 45, senón nun só día o clientelismo e o transfuguismo. Desde logo enténdese millor o misterio da Santísima Trinidade que os "Contratos do PP con Galicia", aos que hai que recoñecerlles a súa volatilidade.
"Somos un equipo e sabemos gobernar": como exemplo o Sr. López Chávez que podía explicar un só proxecto novo que levara adiante tralo seu paso por Cultura, ou porqué non impulsou unha programación cultural estable e pública, e deixando que Vigo fora a única cidade ou vila sen un espazo público onde facela. O mesmo en bibliotecas públicas, ningunha. O único que coñecemos del, é a súa fobia antigalega.
E ao igual que calquera dirixente do PP, supoño que estará dacordo en  financiar colexios do Opus Dei, que apostan pola segregación, pero agora van financiar as organizacións do Foro da Familia para que leven acabo accións que atentan contra a liberdade e os dereitos consolidados da cidadanía ou do apoio do Executivo galego ás iniciativas legais antiabortistas do Foro da Familia, un colectivo ultracatólico constituído por entidades como a Asociación Católica de Propagandistas ou a Confederación Católica de Pais de Alumnos, xa que o PPdeG presentou un marco legal para que estas organizacións ultradereitistas asesoren a través da Xunta a mulleres embarazadas, cobrando por iso. E como Esperanza montarlle colexios aos "listos" e abandonar o ensino público.
Tamén estará dacordo co seu partido en negarse a condenar o franquismo e a identificar a súas vítimas, pero esixirá a ilegalización de Bildu a pesar da sentenza do Tribunal Constitucional.
Ou dirá "que gobierne la lista más votada, porque según repite o seu líder eso é "lo limpio y democrático", pero pactará co PSOE en Euskadi para desaloxar ao PNV, a lista mais votada.
Tampouco sei se estará dacordo na privatización do futuro hospital de Vigo, que custará 1.000 millóns de euros mais nos próximos vinte anos.
En resumo, non sei que Vigo quere Corina Porro, non sei con qué está dacordo, ou se non lle parece ben o feito, repito, o feito por este bipartito. O único que escoito é un silencio cómplice moi perfumado de slogáns vacíos.
O"-cuento" da candidata do PP, é un conto que a esta cidade costoulle nos 16 anos de Fraga un retraso de décadas, marxinándoa con respecto a outras cidades, e que despois do absoluto deserto do mandato de Manuel Pérez, que ten o indubidable record de ser o pior alcalde desta cidade con maioría absoluta do PP, podemos constatar que detrás de "Vogue-Corina", non hai mais que a nada. O PP e Corina queren moito a Vigo. Pero hai amores que son un atraso histórico. A solución o 22.