26/04/11

"EL NOVIO DE LA MUERTE", SEMANA SANTA E FÚTBOL



Estes días pasados o Goberno chinés reiterou que investirá en débeda pública española e na recapitalización de caixas de aforros. Continúa a fraude dos mercados para subir o prezo da gasolina. Recórdase o 25 aniversario de Chernóbil un territorio de 2600 quilómetros e onde, no mellor  dos casos, "entre 1500 e 2000 quilómetros cadrados nunca serán aptos para vivir", porque "hai isótopos radiactivos cun período de desintegración de 24.000 anos". O Goberno de Xapón decidiu prohibir legalmente a entrada nun radio de 20 quilómetros arredor da maltreita planta nuclear de Fukushima Daiichi. A guerra de Libia continúa. Israel segue coa súa política de xenocidio e apartheid. A represión das protestas en Siria elevan o número de mortos a mais de 100. Denuncias de vinculación,de dous conselleiros: Beatriz Mato, e Agustín Hernández, do Goberno galego polo caso Orquesta.Troitiño desapareceu. Os países árabes revolucionados, e os saharauis, sen Sáhara. 
Avances hai e tranquilizadores. O Papa sitúa a alma dos enfermos en coma: "está escondida, pero presente no corpo". Supoño que en Málaga, o Xoves Santo desfilaron os lexionarios cantando:" ¡Soy el novio de la muerte!, que va a unirse en lazo fuerte con tal leal compañera", mentres en moitas cidades e pobos, "picaos","empalaos","encapuchados", "encapirotados", encadeados, sacaban a ombros os pasos dunha particular historia, entre a fe, a tradición, o macabro, o artístico, a España Negra do nacionalcatolicismo, a festa, o turismo, e o esquecemento do Estado aconfesional. Cantos minutos e cantos cartos, de todos, católicos ou non, investiron as televisións públicas, en dar cobertura as católicas procesións?.
E así, chegou a final da “Copa del Rey”, entre Real Madrid e F.C. Barcelona. Xa cos precedentes da anterior final entre vascos e cataláns, na que a atronadora apupada ao himno español, non permitiu que este fose escoitado, nada mellor que a vontade da Real Federación Española de Fútbol de que soe a 120 decibelios no estadio de Mestalla.
En lugar de reproducir os himnos dos participantes, que sería un indicativo de respecto á diversidade do Estado, óptase por afogar a posible protesta. ”Una y Grande”. Outra oportunidade perdida de demostrar que existen outros himnos que forman parte do Estado. Claro que neste caso, non sei se os madridistas saberán cal é o da súa Comunidade, o digo con todas as cautelas. Mentres isto continúe así, nin atronando, conseguirán que o “único” sexa aceptado como recíproco.
Pasa o mesmo coa apropiación por parte de determinadas afeccións dos símbolos do Estado. A bandeira omnipresente e os berros de España¡ España¡, cunha belicosa actitude de constituírse na reserva da patria española, en contra dos outros pobos do Estado. Non entenden que desta forma excluínte, nunca conseguirán a normalidade de convivir na diversidade e a riqueza das distintas culturas. O totalitarismo do nacionalismo español.
Gañou o Madrid. Máis alá de actitudes de sacar o capote de toureo, demostrando poucas luces, hai xa tempo que esqueceron aquelo do que tanto presumían: o de ser un clube “señor”. Arroupados por unha caterva xornalística imperial e decimonónica, non poden durmir tranquilos, mentres un clube catalán, sexa quen represente o Estado Español. Saber gañar e saber perder. O sabían sí, pero porque gañaban sempre. Para eles os Reis Católicos continúan "La Reconquista".

Ningún comentario:

Publicar un comentario