
Falo do
Alcalde, porque nin existíu a anterior concelleira neste mandato, nin co cambio
o actual existe, porque todo pasa pola
súa omnipotente e plenipotenciaria persoa.
Neste
momento xa nin siquera pode manter o seu proxecto megalomaníaco, o que denomina
peza clave da cultura: O Auditorio Mar de Vigo.
(Lembrade
a Cidade da Cultura:O Gaiás)

Pola
falta de cartos non é, xa que a concesionaria da xestión do Auditorio recibíu 5
millóns de euros do concello, cantidade que era case o orzamento dos
departamentos de Cultura mais Festas da etapa anterior. Sí, con Leonard Cohen e
tantos outros nomes de primeira orde en Castrelos.
Gastou
256.000 euros nun concerto, de pago, no Ifevi, Sabina -Serrat, cando o caché en
A Coruña para o mesmo concerto foi de 80.000, e regala a unha empresa sen
experiencia 21.000 euros para Melendi no Mar de Vigo.
O
Auditorio Mar de Vigo naceu mal parido como tantos edificios culturais desta
cidade que hoxe son monumentos para as cagarrías das gaivotas.
Sen
proxecto cultural, sen ideas para a programación, sen equipamento! non é un
chiste, sen capacidade para concertos ou espectáculos de tamaño medio, e o que
é irrisorio, privatizada
( con
cartos públicos) a súa xestión, cunha nefasta sucesión de espectáculos.
Hoxe está
ferido de morte. A megalomanía ten estas cousas. Outro cabodano anunciado, na
ringleira do Fraga (esto merecería outro capítulo), do Verbum e tantos outros,
para groria do emperador de turno. Se fose polos megalomaníacos, Vigo tería
cáseque tantos teatros e auditorios como habitantes. Hoxe son cemiterios.
E despois
de trocar de responsable de cultura, non todo sigue igual, senón peor, mais que
nada porque o tempo pasa.
Exemplos
hai é variados, dos mortos e
desaparecidos da cultura viguesa co Sr. Caballero:
-Peche do ARQUIVO PACHECO.
-Paralización do CENTRO GALEGO DE FOTOGRAFÍA(co edificio
xa rematado).
-VERBUM:
existe, o edificio, pero volatilizado.
-Sen novas do ARQUIVO KSADO xa comprado, e da volta do ARQUIVO
LLANOS.
-Redución dos horarios da Pinacoteca, Verbum, Castrelos,
Castro, Toralla, etc. etc.
-Sen novas do Proxecto Museístico da cidade.(Proxecto
rematado e non iniciado).
-Escasa programación no Auditorio Municipal da Praza do
Rei, con alugueres que fan imposible a súa utilización polas cías. e grupos
privados (Escepto Rede de Teatro, por obriga contractual)
-Desaparición para a concellería da SEMANA DO TEATRO
AFECCIONADO.
-Desaparición do VIGO A ESCENA con 13 cías. profesionais de teatro da
cidade, 4 amadoras, e 23 asociacións ou centros culturais da bisbarra que
acollían os espectáculos. Xa non é a 1ª vez.(Na anterior etapa de Isaura
Abelairas desapareceu no primeiro semestre)
-Desaparición do FESTICLOWN.
-Desaparición do Festival VIGOTRANSFORMA recollido polo
Concello de Nigrán como PORTAMÉRICA.
-Redución orzamentaria no ALT ,no IMAXINA SONS. Do SINSAL
(?).
-FESTAS
DE VIGO: nas anteriores e a días das Festas da cidade, sen programa, sen
mais novas que o concerto de Sabina-Serrat no Ifevi e de pago. A aportación do
concello 256.000 euros mais gastos de aluguer e produción. En opinión do Sr.
Alcalde as mellores da historia. Prefiro non opinar sobre elo.
-Despois da posta en marcha da 1ª Biblioteca de Barrio no
Calvario, a "Neira Vilas", sen novas doutros proxectos, nin da
Biblioteca do Estado.
-Desaparecidos o Concurso de Gaiteiros Solistas, o
Concurso de Piano do Naútico, o Coro Concento, os convenios como o da Sociedade
Filarmónica,e tantas actividades que en diversas épocas festivas houbo na
cidade.
Por certo. A cultura crea e mantén moitos postos de
traballo. Atrae turismo se hai oferta, e actividades, e veñen congresos polos
mesmos motivos, ademais de que hai que ir a atraelos. Tranversalidade, é o
concepto.
O proxecto Espello da Memoria,
paneis con fotos de rúas que amosaban como eran noutros tempos, serviron pola
desidia, como soporte para os pegacarteis, e logo foron cortados e retirados.
Esta é a parábola do Caín-Atila
que padece a cultura da cidade, porque neste deserto cultural, Abel é o emperador
Vigo segue coa longa tradición de
ter na mentira da nosa memoria, unha Colina Encantada, unha Torre-Hotel no
medio da ría, un Parque Temático en Castrelos, a Biblioteca Pública mais grande
do Estado, unha Fonte Cibernética no Porto, e tantas maravillas semellantes.
Sic transit
gloria mundi, ou que dios nos colla confesados.