01/05/13

O AUDITORIO "MAR DE VIGO" A PIQUE: A PARÁBOLA DE CAÍN


A inexistente política cultural do alcalde de Vigo, o desprezo absoluto pola mesma, e a súa ignorancia sobre o que é ter un proxecto cultural para esta cidade, vai arrasar co movemento cultural, afogando a base da cultura viguesa.
Falo do Alcalde, porque nin existíu a anterior concelleira neste mandato, nin co cambio o actual existe, porque  todo pasa pola súa omnipotente e plenipotenciaria persoa.
Neste momento xa nin siquera pode manter o seu proxecto megalomaníaco, o que denomina peza clave da cultura: O Auditorio Mar de Vigo.
(Lembrade a Cidade da Cultura:O Gaiás)
Estou certo que a crise económica existe, non é cuestión de fe, e que os responsabeis da mesma son as entidades financeiras, bancarias e as grandes corporacións. Pero ao igual que o goberno do PP regala os cartos, de todos, aos bancos, e logo dí que a súa débeda é nosa, ou pretende rematar co paro cunha Reforma Laboral, que o único que fai é aumentar o drama e a catástrofe do desemprego, agochando a perda de dereitos laborais, o Sr. Alcalde pretende enganarnos a todos. E non  é pola crise que a cultura da cidade esté fundida, e non é pola crise que o Auditorio Mar de Vigo afogue. É por incapacidade política, cultural, polo total desprezo a cultura de Vigo e por que ten outra prioridades: O voto está mais perto de arreglar beirarrúas que da actividade cultural. Humaniza rúas, deshumaniza cidadáns.
Pola falta de cartos non é, xa que a concesionaria da xestión do Auditorio recibíu 5 millóns de euros do concello, cantidade que era case o orzamento dos departamentos de Cultura mais Festas da etapa anterior. Sí, con Leonard Cohen e tantos outros nomes de primeira orde en Castrelos.
Gastou 256.000 euros nun concerto, de pago, no Ifevi, Sabina -Serrat, cando o caché en A Coruña para o mesmo concerto foi de 80.000, e regala a unha empresa sen experiencia 21.000 euros para Melendi no Mar de Vigo.
O Auditorio Mar de Vigo naceu mal parido como tantos edificios culturais desta cidade que hoxe son monumentos para as cagarrías das gaivotas.
Sen proxecto cultural, sen ideas para a programación, sen equipamento! non é un chiste, sen capacidade para concertos ou espectáculos de tamaño medio, e o que é irrisorio, privatizada
( con cartos públicos) a súa xestión, cunha nefasta sucesión de espectáculos.
Hoxe está ferido de morte. A megalomanía ten estas cousas. Outro cabodano anunciado, na ringleira do Fraga (esto merecería outro capítulo), do Verbum e tantos outros, para groria do emperador de turno. Se fose polos megalomaníacos, Vigo tería cáseque tantos teatros e auditorios como habitantes. Hoxe son cemiterios.
E despois de trocar de responsable de cultura, non todo sigue igual, senón peor, mais que nada porque o tempo pasa.
Exemplos hai é variados, dos  mortos e desaparecidos da cultura viguesa co Sr. Caballero:
-Peche do ARQUIVO PACHECO.
-Paralización do CENTRO GALEGO DE FOTOGRAFÍA(co edificio xa rematado).
-VERBUM: existe, o edificio, pero volatilizado.
-Sen novas do ARQUIVO KSADO xa comprado, e da volta do ARQUIVO LLANOS.
-Redución dos horarios da Pinacoteca, Verbum, Castrelos, Castro, Toralla, etc. etc.
-Sen novas do Proxecto Museístico da cidade.(Proxecto rematado e non iniciado).
-Escasa programación no Auditorio Municipal da Praza do Rei, con alugueres que fan imposible a súa utilización polas cías. e grupos privados (Escepto Rede de Teatro, por obriga contractual)
-Desaparición para a concellería da SEMANA DO TEATRO AFECCIONADO.
-Desaparición do VIGO A ESCENA con 13 cías. profesionais de teatro da cidade, 4 amadoras, e 23 asociacións ou centros culturais da bisbarra que acollían os espectáculos. Xa non é a 1ª vez.(Na anterior etapa de Isaura Abelairas desapareceu no primeiro semestre)
-Desaparición do FESTICLOWN.
-Desaparición do Festival VIGOTRANSFORMA recollido polo Concello de Nigrán como PORTAMÉRICA.
-Redución orzamentaria no ALT ,no IMAXINA SONS. Do SINSAL (?).
-FESTAS DE VIGO: nas anteriores e a días das Festas da cidade, sen programa, sen mais novas que o concerto de Sabina-Serrat no Ifevi e de pago. A aportación do concello 256.000 euros mais gastos de aluguer e produción. En opinión do Sr. Alcalde as mellores da historia. Prefiro non opinar sobre elo.
-Despois da posta en marcha da 1ª Biblioteca de Barrio no Calvario, a "Neira Vilas", sen novas doutros proxectos, nin da Biblioteca do Estado.
-Desaparecidos o Concurso de Gaiteiros Solistas, o Concurso de Piano do Naútico, o Coro Concento, os convenios como o da Sociedade Filarmónica,e tantas actividades que en diversas épocas festivas houbo na cidade.
Por certo. A cultura crea e mantén moitos postos de traballo. Atrae turismo se hai oferta, e actividades, e veñen congresos polos mesmos motivos, ademais de que hai que ir a atraelos. Tranversalidade, é o concepto.
O proxecto Espello da Memoria, paneis con fotos de rúas que amosaban como eran noutros tempos, serviron pola desidia, como soporte para os pegacarteis, e logo foron cortados e retirados.
Esta é a parábola do Caín-Atila que padece a cultura da cidade, porque neste deserto cultural, Abel é o emperador
Vigo segue coa longa tradición de ter na mentira da nosa memoria, unha Colina Encantada, unha Torre-Hotel no medio da ría, un Parque Temático en Castrelos, a Biblioteca Pública mais grande do Estado, unha Fonte Cibernética no Porto, e tantas maravillas semellantes.
Sic transit gloria mundi, ou que dios nos colla confesados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario