31/05/11

F.E.N:Formación del Espíritu Nacional

A F.E.N. foi unha asignatura na que tivemos que estudar- os varóns- a doutrina franquista sobre a pintoresca organización do Estado, a súa“democracia orgánica”, e os "Principios Fundamentales del Movimiento Nacional”. Impartida por xefes locais da Falange, da OJE, ou adictos ao réxime, reconvertidos na transición, como premio pola reconciliación, en profesores de ximnasia ou en funcionarios do Mº. de Cultura.
A F.E.N. era unha “maría”, onde“prietas las filas”,”el contubernio judeomasónico”,"caudillo de España por la gracia de Dios”, “el Alzamiento Nacional”, eran algúns dos ripios poético fascistas, que tivemos a desgracia de soportar. Provocarían risa, senón fora polos milleiros de represaliados e mortos no que cimentaron semellantes tonterías, que non teorías, pseudopolíticas, e polo tempo que nos fixeron perder" pola pertinaz sequía".
A Real Academia de la Historia, edita un Diccionario Biográfico Español(faltaría mais) que consta de 50 tomos(parécenme poucos para unha empresa tan imperial), dos cales neste ano saen xa 25. Deixando a un lado o desperdicio de papel, xa estou escoitando nunha  tediosa tarde  nun Pazo:”Tes o Diccionario Biográfico Español”¡¡¡...gran frase para abrir calquer evento cívico-cultural ou para tomar o té con campurrianas. España non podía seguir adiante se as estanterías "patrias" non soportaran esta obra cumbre da sabiduría contemporánea. Esta nova F.E.N.
Que obra de tanta importancia custe 6'5 millóns de euros, ou que asistan a súa presentación "los Reyes" e a Ministra González-Sinde, non asombra. Estamos afeitos a cousas peores. Por exemplo que a Xunta rebaixe as axudas para que as familias con menos recursos accedan aos libros de texto de Primaria. No nome da decencia e da democracia alguén tiña que dimitir(Os reis dimiten?), pero seguimos sen enterarnos.
O que ten mérito e que Esperanza Aguirre, -foi Ministra de Cultura, así vai o país- e José María Aznar-cuasi generalísimo- propicien esta revisión histórica, para paliar as visións erradas sobre o franquismo. Fraga, Presidente do PP, e ministro de Franco, é un testimonio de primeira mán.
Non o poden negar: Os do Partido Popular, fillos e netos do dictador, nunca renegan nin do franquismo nin das súas atrocidades. Eso sí loitan contra a Lei da Memoria Histórica, co argumento perverso de que queremos remover a historia, co fastasma da guerra, e do odio. Propoño que na próxima revisión da Lei Electoral ou na Lei de Partidos sexa obrigatorio unha denuncia expresa do franquismo e das súas atrocidades. Porqué está prohibida e penalizada a exaltación da figura de Hitler e non está a de Franco?. Coñecedes algún cargo político do PP que retirara algún símbolo franquista nos concellos?.
Os académicos que chaman" Glorioso Alzamiento Militar" ao golpe de estado, ou que dín : " permaneció normalizando la vida ciudadana" por asesinatos, ou "columnas enemigas" por defensores da legalidade constitucional, e os políticos que apoian estas obras "cumbres" do pensamento nacional-católico neofranquista, ainda coa súa soa presencia, terían que disculparse públicamente, xa que dimitir neste país é moi caro. E ao "académico" que dí que Franco non foi un dictador porque"no dictó nada", -supoño que con fina irónía da meseta ou con esa chulería tan da capital- habería que castigalo a copiar miles de veces "Franco e os seus cómplices: asasinos", e poñer as notas despois polas cunetas de España.

Ningún comentario:

Publicar un comentario