10/05/11

O SILENCIO PERFUMADO DE CORINA PORRO

Que a candidata do PP, Corina Porro, non quera debater coas outras forzas políticas, non é unha sorpresa. Deixando á marxe o antidemocrático de privar os cidadáns da confrontación de ideas e proxectos, o que se quere esconder é a incapacidade  de expresar algo mais que slogáns políticos. O "pejiguero" argumento de debater con só unha forza política, porque existe un bipartito, dous partidos distintos pero cun programa común pactado, non se ten en pé. Debater hoxe do presente, do cumplimento dos programas das distintas forzas do goberno municipal, da transformación que hoxe é unha realidade desta cidade a deixaría nun moi mal lugar. Non tivo reparos por outra parte en acoller e pagar no Porto de Vigo, hai pouco tempo, a emisión por Intereconomía de "El gato al agua", unha cadena absolutamente panfletaria de dereita extrema, eso sí rodeada de "xente guapa" que é o que lle gusta.
Pero é que ademais neses frustrados debates non sabería nin podería defender as súas mensaxes publicitarias."Vota cambio, vota Corina","Somos un equipo, sabemos gobernar","Empleo es libertad","-Resignación,+Oportunidades+Empleo","Haremos que Vigo sea una ciudad atractiva para vivir, disfrutar y trabajar". Porque detrás destas mensaxes publicitarias, detrás de "lavalladecorina", só hai palabrería, moi  cara, polo que gasta na campaña, absolutamente falsa, e co galego esquecido.
 Non vou ir polo facil, que sería preguntar como alguén que non vive en Vigo, senón nun chalet noutro concello, diga "Vigo atractiva para vivir", bó exemplo para predicar, pero pode contar que fixo para rehabilitar o Barrio Histórico ou no resto da cidade. Nada, como nada fixeron os anteriores gobernos do PP. Deixala agonizar.
"Vota cambio": ou sexa votar pola mesma persoa que xa estivo ocupando a alcaldía da cidade, que repartíu moitas sonrisas perfumadas, pero que só deixou parterres de flores polo centro e a zona de Marqués de Valladares mal humanizada. Algo que hai anos combatía na Praza da Independencia, deixando como testamento unha moción para que volvera a pasar por ela o bus e apoiando manifestacións contra as peonalizacións. Hoxe fala, sen sonroxo, das"súas"humanizacións.
"Empleo es libertad","-Resignación,+Oportunidades+Empleo":Agardo que llo explique ao seu xefe, o Sr. Feijó09, que é quen ten as correspondentes transferencias en emprego, a pesar de que o negou, os miragres que propón para resolver o que 009 dixo resolvería en "45 días"(sic) xustos.
 Dous anos despois coa Xunta do PP esta é a realidade:Nos tres primeiros meses de 2011 o desemprego incrementouse en máis 23.000 persoas, até un total–EPA–de 226.000 parados/as. Desde que Feijóo9 goberna foron ao paro 63.800 galegos, 90 parados por día de goberno. A taxa de desemprego na xente nova xa é superior ao 31%. Desde marzo do 2009 destruíronse 87.000 empregos: 120 empregos menos por día de Feijóo9.Hai 69.400 fogares con todos os seus membros en paro e deses, en 22.700, non entra ningún ingreso>.
E non contento con isto Feijó09, presume de presidir "a comunidade pluriprovincial do réxime xeral con menos paro de España". O presidente dixo que "é difícil crear emprego cun Goberno interino" en España, e afirmou que as dúas cidades con máis paro son Vigo e Pontevedra, "gobernadas polo PSOE e o BNG". E decir o PP abdica da súa responsabilidade e a traspasa aos concellos, quenes non teñen competencias. Un anzol para lelos. Como os recortes da Xunta en Benestar Social, ou a gratuidade dos libros de texto, os comedores escolares, que obrigan ao concello a establecer programas para paliar o que é unha obriga do goberno autonómico. Claro que Corina non anda con "coñas" e dí que son "el partido de los trabajadores". Célebres son as súas fotos na cabeza das manifestacións contra o Acordo Económico Social, contra a rebaixa dos salarios, das pensións e a reforma das xubilacións.
O de "saber gobernar", debe levar unha apostilla..."para os seus amigos". Porque supoño que como o seu partido na Xunta repartirá 151 millóns de euros en contratos sen publicidade, ventaxoso sistema de adxudicación directa. Ou levada polo que chama "austeridad productiva", voltaría a redecorar o palacete do Areal, mais "chic", non o dubido.
Calquera diría que a estas alturas a Sra. Porro non é do PP. Pero o seu silencio sobre as políticas do seu partido, danlles todos os avais. Non a escoitei falar da "rexeneración democrática", tamén proposta polos dirixentes populares , e polo tanto non sei que pensará dos imputados na "Operación Orquesta", dos centos de familiares empregados na Deputación de Ourense, sobre as operacións de transfuguismo e mocións de censura en Mos, O Porriño, Gondomar, deseñadas polo seu amigo Louzán, desde a Deputación de Pontevedra.Tamén Feijó009 prometeu rematar non en 45, senón nun só día o clientelismo e o transfuguismo. Desde logo enténdese millor o misterio da Santísima Trinidade que os "Contratos do PP con Galicia", aos que hai que recoñecerlles a súa volatilidade.
"Somos un equipo e sabemos gobernar": como exemplo o Sr. López Chávez que podía explicar un só proxecto novo que levara adiante tralo seu paso por Cultura, ou porqué non impulsou unha programación cultural estable e pública, e deixando que Vigo fora a única cidade ou vila sen un espazo público onde facela. O mesmo en bibliotecas públicas, ningunha. O único que coñecemos del, é a súa fobia antigalega.
E ao igual que calquera dirixente do PP, supoño que estará dacordo en  financiar colexios do Opus Dei, que apostan pola segregación, pero agora van financiar as organizacións do Foro da Familia para que leven acabo accións que atentan contra a liberdade e os dereitos consolidados da cidadanía ou do apoio do Executivo galego ás iniciativas legais antiabortistas do Foro da Familia, un colectivo ultracatólico constituído por entidades como a Asociación Católica de Propagandistas ou a Confederación Católica de Pais de Alumnos, xa que o PPdeG presentou un marco legal para que estas organizacións ultradereitistas asesoren a través da Xunta a mulleres embarazadas, cobrando por iso. E como Esperanza montarlle colexios aos "listos" e abandonar o ensino público.
Tamén estará dacordo co seu partido en negarse a condenar o franquismo e a identificar a súas vítimas, pero esixirá a ilegalización de Bildu a pesar da sentenza do Tribunal Constitucional.
Ou dirá "que gobierne la lista más votada, porque según repite o seu líder eso é "lo limpio y democrático", pero pactará co PSOE en Euskadi para desaloxar ao PNV, a lista mais votada.
Tampouco sei se estará dacordo na privatización do futuro hospital de Vigo, que custará 1.000 millóns de euros mais nos próximos vinte anos.
En resumo, non sei que Vigo quere Corina Porro, non sei con qué está dacordo, ou se non lle parece ben o feito, repito, o feito por este bipartito. O único que escoito é un silencio cómplice moi perfumado de slogáns vacíos.
O"-cuento" da candidata do PP, é un conto que a esta cidade costoulle nos 16 anos de Fraga un retraso de décadas, marxinándoa con respecto a outras cidades, e que despois do absoluto deserto do mandato de Manuel Pérez, que ten o indubidable record de ser o pior alcalde desta cidade con maioría absoluta do PP, podemos constatar que detrás de "Vogue-Corina", non hai mais que a nada. O PP e Corina queren moito a Vigo. Pero hai amores que son un atraso histórico. A solución o 22.

Ningún comentario:

Publicar un comentario