28/06/11

TEÑAN COIDADO AÍ FÓRA¡: GALICIA HOXE, PERDE.

Son catro os medios monolingües galegos desaparecidos no último ano: despois do peche de A Nosa Terra, Vieiros, A Peneira, e neste día, Galicia Hoxe.
Non poden ser só as leis do mercado, as que fagan imposible un proxecto de prensa en galego, porque as mesmas leis farían imposible a existencia de calquera dos xornais en castelán, senón existiran as xugosas axudas institucionais que perceben, para servir despois de altofalantes dos grandes partidos-La Voz contra o bipartito(PSOE-BNG) é de manual- e deixando ao marxe a penosa mediocridade, por ser amable, da maioría dos xornais publicados en Galiza, que non galegos xa que perden tanto tempo incluso en traducir as entrevistas en galego, ao castelán.
O director de Galicia Hoxe, Caetano Díaz declara:”Coa chegada a Monte Pío do ‘señor das tesoiras’, no GH comezamos a escribir a crónica dunha morte anunciada. Consúmase hoxe -mentres o señor Núñez Feijóo entrega ufano as medallas Castelao, simbolo de galeguidade- o asasinato a sangue frío, con aleivosía e a pleno sol, dun periódico crítico, pequeno como a aldea de Astérix e grande no tratamento das noticias coas únicas armas da veracidade, da honestidade e do compromiso con Galicia...Galicia Hoxe desaparece porque vostede camiña diante pola corredoira do autoodio, Galicia Hoxe desaparece porque o seu Goberno lle pechou con estrondosa hostilidade as axudas que alegremente reparte noutras leiras mediáticas”.
Hai poucos días, Roberto Luís Blanco Valdés, nun dos panfletos que publica en La Voz, pontificaba e pedía no nome da liberdade que xa que o Estado somos todos, na RTVG que pagamos todos, terían que falar castelán tamén. A liberdade secuestrada por estes adalides da libre empresa que levan moitos millóns de subvencións da Xunta con cartos nosos. "Se os galegos aínda somos galegos é por obra e graza da nosa lingua" dixo Castelao, afirmando quenes non eran galegos.
Supoño que os de Feijó09 , os de Roberto Luís, La Voz, El Faro e tantas empresas libres e con tanto amor por SuGalicia, non terán a indecencia de dar o pésame despois de dar os tiros de gracia.
Teñan coidado aí fóra¡

Ningún comentario:

Publicar un comentario